Sinopsis
Cada día, o cociñeiro Javi Freijeiro asómase á pantalla para mostrar como preparar receitas, amenas e sinxelas, encamiñadas á consecución dunha cociña saudable. Este espazo gastronómico pon especial atención en que os pratos cociñados conformen unha dieta sa e equilibrada, desde a cociña máis tradicional ata as técnicas culinarias máis novas.Facéndolle ver ao público que a cociña saudable é amena e sinxela, Todos na cociña trata de axudar a que os galegos recuperen os bos hábitos alimentarios, partindo de que o actual ritmo de vida repercute nunha menor calidade na súa dieta e que o cidadán medio cada vez dispón de menos tempo para organizar o seu tempo de alimentación. Coa axuda da especialista en nutrición amósaselle ao público as calidades e os beneficios de moitos alimentos que son doados de atopar no contorno galego, nos numerosos mercados, prazas e feiras da comunidade e que, á hora de confeccionar os menús, o noso cociñeiro prepara como produtos galegos de temporada (peixes, vexetais, froitas...) e outros dispoñibles durante todo o ano (carnes, viños, pans..).
Cada día da semana, os pratos cociñados son de temática diferente, sendo o cociñeiro o encargado de elaboralos conforme aos diferentes menús, mentres que a especialista en nutrición é a encargada de achegar consellos para levar unha dieta sa e saudable así como de informar ao público das propiedades de cada un dos alimentos empregados.